O marco en Galicia é un límite que separa: unha pedra, unha estaca, unha liña entre o “meu” e o “teu”.
O Festival M.A.R.C.O. nace para facer xusto o contrario: converter ese límite nun punto de encontro.
M.A.R.C.O. – Mostra de Arquitectura Rural é un festival cultural que se celebra en Vedra e que quere volver mirar o rural con ollos novos. Durante tres días, a veciñanza, arquitectas, artistas, estudantes e público xeral xúntanse para compartir música, actividades e reflexión arredor da arquitectura que forma parte da nosa vida.
Porque a arquitectura non son só edificios: son os lugares onde vivimos, traballamos e nos atopamos; son o nos marco de vida. E no rural, eses espazos —muíños, cobertizos, camiños— gardan historias, cultura e oportunidades de futuro.
Tras unha primeira edición piloto en 2025, M.A.R.C.O. regresa en 2026 cun formato máis consolidado e coa vontade de medrar como un encontro anual aberto a toda a comunidade.
Esta segunda edición celebrarase os días 8, 9 e 10 e estará centrada na cultura ETNO-POP ( ETNOgráfica e saber POPular), poñendo o foco na arquitectura da auga e nos muíños fluviais.
Se os muíños foron no seu día motor de vida e incluso de música —como a muiñeira—, hoxe queremos volver activalos como espazos vivos: lugares onde sucedan cousas, onde a xente se atope e onde o rural volva xerar cultura, economía e comunidade.
Non queremos mirar o rural como un museo do pasado, senón como un espazo cheo de posibilidades. Por iso propoñemos reactivar estes lugares desde o respecto, pero tamén desde a creatividade, para que volvan ser parte do noso presente.
Main features and goals of the crowdfunding campaign
O Festival M.A.R.C.O. estrutúrase en tres grandes bloques de actividades, pensados para mesturar arquitectura, arte e vida no rural:
ADREDE –- Arte e Deseño en REDE. __
É o corazón do festival: un espazo aberto onde a arquitectura se mestura coa arte, a música e a creatividade.
Aquí pasan cousas durante todo o día:
Obradoiros de fotografía, pintura, escultura ou arquitectura
Procesos de co-creación con artistas para intervir en espazos do rural
Exposicións e proxeccións
Concertos e espectáculos en lugares únicos
A idea é sinxela: xuntar a profesionais e veciñanza para crear, aprender e vivir a cultura en común.
” O MELLOR DE CADA CASA” __
Unha forma de achegar a arquitectura á xente, entrando directamente nela.
Organizamos rutas guiadas por diferentes espazos do rural: vivendas, rehabilitacións, proxectos sostibles… explicados polas propias persoas que os habitan ou os deseñaron.
Ademais, haberá actividades prácticas para todos os públicos, incluíndo:
“Os tres porquiños”
Un obradoiro onde experimentamos con materiais reais como palla, madeira e ladrillo para entender como se constrúe e por que importa.
QUEBRAMIOLOS 2026
( 1.edición “LABH2ORATORIO”) __
É o espazo de reflexión e creación colectiva do festival.
Aquí xuntamos a profesionais, veciñanza e público para pensar xuntos sobre o futuro do rural e propoñer solucións reais.
En 2026, o laboratorio centrarase na arquitectura da auga, especialmente nos muíños.
Durante anos, os muíños foron motor da vida no rural. Hoxe moitos están abandonados.
A pregunta que lanzamos é:
Poden volver ser espazos vivos, útiles e cheos de actividade?
Este laboratorio non busca só pensar, senón abrir camiños para reactivar estes espazos e devolverlles o seu papel na comunidade.
Why this is important
M.A.R.C.O. pretende “mover os “MARCOs”, e ACHEGAR A ARQUITECTURA Á XENTE.
Durante moito tempo, a arquitectura pareceu algo afastado, técnico, incluso alleo á vida cotiá. Pero en realidade está en todo: nos lugares onde vivimos, nos espazos onde nos atopamos e na forma en que habitamos o territorio.
Por iso, o festival quere romper esa distancia e facer que a arquitectura se entenda, se viva e se comparta. Porque cando entendemos os espazos que habitamos, tamén melloramos a nosa calidade de vida.
Ao mesmo tempo, M.A.R.C.O. funciona como un “marco” onde se atopan as artes.
A arquitectura serve aquí como punto de unión para a música, a pintura, o deseño, o teatro ou o cinema. O obxectivo é xerar diálogo entre disciplinas e, sobre todo, facer que a cultura forme parte da vida diaria das persoas.
E todo isto sucede desenvólvese nun “M.A.R.C.O.” natural e tradicional, cuxo fundamento é o POÑER EN VALOR O RURAL.
Queremos poñer en valor as aldeas, a súa arquitectura e a súa forma de vida, non como algo do pasado, senón como unha oportunidade de presente e de futuro, apostando por un rural vivo, que conserve o seu patrimonio, que xere cultura, que cree comunidade e que sexa un lugar onde quedarse e construír futuro
Team and experience
QUEN está detrás do proxecto?
A Asociación Cultural MARCO é unha iniciativa de recente creación (setembro de 2025), que nace a partir da experiencia da primeira edición do festival.
M.A.R.C.O. 2025 foi posible grazas a unha iniciativa impulsada polo estudo ELÓ, coa colaboración do Concello de Vedra e do Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia. A boa acollida e o impacto xerado fixeron evidente a necesidade de darlle continuidade ao proxecto.
Por iso créase a asociación: para consolidar o festival e desenvolver máis actividades ao longo do ano vinculadas á cultura, á arquitectura e ao rural.
A asociación está formada por un equipo de persoas con perfís diversos, unidas por un obxectivo común: poñer en valor o rural a través da arquitectura, a arte e a participación da comunidade.
Os nosos obxectivos son claros:
Achegar a arquitectura á sociedade
Poñer en valor o rural e o seu patrimonio
Promover prácticas sostibles e responsables
Fomentar a participación da veciñanza
Crear oportunidades para a mocidade e profesionais emerxentes
A asociación impulsa diferentes tipos de actividades ao longo do ano:
Programación cultural e artística
Obradoiros, charlas e encontros
Festivais e eventos
Proxectos de posta en valor do patrimonio
Iniciativas que conectan arquitectura, cultura e territorio
Todo isto cunha idea de fondo: activar o rural como un espazo vivo, creativo e con futuro.