O filme Reboiras. Acción e corazón continúa no cinema en Santiago e Ferrol, logo da súa preestrea en Imo. O vindeiro 26 de agosto estará en Ourense e a partir de setembro setembro chegará a cinemas de Lugo, A Coruña, Vigo e moitos máis concellos.
A longametraxe documental Reboiras. Acción e corazón, na que o director Alberte Mera (Vigo, 1987) traslada á pantalla a vida de Xosé Ramón Reboiras Noia, continúa a proxectarse esta fin de semana sala Numax de Santiago de Compostela e Duplex de Ferrol, logo de o filme levar máis de sete días consecutivos en ambos os cinemas enchendo a capacidade das salas.
Podes reservar entrada en:
SANTIAGO Numax: https://numax.org/cinema/ficha/reboiras
FERROL Duplex: https://duplexcinema.com/gl/filmes/reboiras-accion-e-corazon
A proxima estrea deste filme que produce a Fundación Terra e Tempo de Estudos Nacionalistas será na cidade de Ourense, a cuarta feira 26 de agosto, e exhibirase da man do Cineclube Padre Feixoo con dúas sesións: a primeira ás 18 horas e a segunda ás 21 horas, no edificio da Casa da Cultura (antiga biblioteca). En ambos os dous pases participará o director e haberá un coloquio onde as e os espectadores poderán intervir. Por mor do contexto sanitario, as entradas unicamente se poden adquirir de forma anticipada. O lugar da venda de entradas é o Café Cultural Auriense (Praza do Correxedor, Ourense).
A entrada en Ourense só é anticipada:
OURENSE: reservas de entrada no Café Cultural Auriense (praza do Correxedor)
O roteiro do filme continúa no cinema Codex de Lugo, que albergará a sexta feira 4 de setembro a seguinte estrea, na que tamén participará Alberte Mera. Ademais, tanto o sábado 5 como o domingo 6 de setembro tamén se exhibirá o documental neste cinema. Durante os tres días haberá pases ás 18 e ás 20 horas.
Na Coruña poderase ver o filme o vindeiro 9 de setembro, nas dúas salas de cinema do Forum Metropolitano, onde o filme se estreará ás 19 e ás 19.30 horas. Será o 18 de setembro cando o documental se estree na cidade de Vigo, nunha exhibición especial dentro do Festival Primavera do Cine. O 3 de outubro será a quenda de Ponteareas, que estreará o filme no auditorio Reveriano Soutullo, mentres que en novembro se presentará en Ponteveda, no Teatro Principal.
Estanse a concretar novas estreas en múltiples concellos da Galiza dado o grande interese sobre o filme suscitado no país e a boa acollida que está a ter polo público e a crítica. Na web do filme www.reboiras.gal no apartado de exhibicións irase actualizando a lista de estreas con máis datas e salas onde se proxectará a obra.
Foi Imo (Dodro) o lugar que acolleu a preestrea do documental o pasado 8 e 11 de agosto, nun evento especial para a familia Reboiras e a veciñanza deste concello que hai 70 anos viu nacer Moncho Reboiras. De "enormemente emotivo" cualificou o director tanto a preestrea realizada en Imo como a de Ferrol, que decorreu o pasado 12 de agosto en Duplex Cinema, coincidindo cos 45 anos do asasinato de Moncho Reboiras nesa mesma cidade a mans da policía da ditadura franquista.
A Fundación Terra e Tempo publicou o segundo trailer do filme, que achega unha mostra das secuencias de ficción que Mera rodou para o documental, así como un avance das entrevistas que este director tamén filmou ao longo do país e que narran a vida de Moncho Reboiras.
(`
Participan no filme, en total, 29 testemuñas directas que partillaron ou coñeceron o histórico nacionalista, como o propio irmán de Moncho, Manuel Reboiras, a súa curmá Lita Martínez, o escritor e ex secretario xeral da Unión do Povo Galego, Francisco Rodríguez; os escritores Xosé Luís Méndez Ferrín e Darío Xohán Cabana, ou a cineasta Margarita Ledo, até as propias persoas que se atopaban con Reboiras o 12 de agosto en Ferrol, e que el axudou a fuxir e salvar: Elvira Souto e Lois Ríos.