A longametraxe documental ‘Reboiras. Acción e corazón’, dirixida por Alberte Mera chega aos cinemas de Vigo, Vilagarcía, Ribeira, Carballo e Pontevedra, logo do éxito colleitado en Santiago, Ferrol, Lugo e Ourense.
O 18 e 20 de setembro o filme estréase en Vilagarcía nos multicines Gran Arousa e do 24 ao 27 estará nas pantallas da Praza Elíptica de Vigo. O 25 é a quenda de Ribeira e Carballo, e aterrizará na fin de semana aos multicines da cidade do Lérez.
O filme ‘Reboiras. Acción e corazón’ chega aos cinemas de Vilagarcía, Vigo, Carballo, Ribeira e Pontevedra, logo da súa boa acollida nos cinemas Duplex de Ferrol e Numax de Compostela, onde xa superou un mes de proxeccións continuadas completando a maioría dos días a capacidade das salas. O cariño do público cara a esta longametraxe documental dirixida por Alberte Mera (Vigo, 1987) trasladouse tamén a Ourense, onde se proxectou de man do Cineclube Padre Feixoo e ao cinema Codex de Lugo. Actualmente estase a proxectar na Coruña, mais xa se esgotaron todas as entradas para os vindeiros oito vindeiro pases, superando así e tan só na cidade herculina o medio millar de espectadores.
Os multicines Gran Arousa de Vilagarcía serán a primeira parada do filme nesta semana. Proxectarase venres 18 e o domingo 20 de setembro ás 20.15 horas. As entradas xa se poden adquirir na web do cinema: [https://galicine.es/pelicula/cine-vilagarcia/reboiras-accion-e-corazon]
O 18 tamén se poderá ver en Vigo, nunha exhibición especial no Festival Primavera de Cine. Pese a que as entradas están esgotadas, o documental proxectarase tamén nos cinemas da Praza Elíptica da cidade olívica o 24, 25, 26, e 27 de setembro ás 21.30 horas. O sábado 26 haberá presentación e coloquio a cargo do director e coa participación do actor Daniel Celester, que interpreta Moncho Reboiras na pantalla. As entradas poderanse adquirir en https://galicine.es/pelicula/cine-vigo/reboiras-accion-e-corazon
O venres 25, ás 20.15 horas, ‘Reboiras. Acción e corazón’ chegará aos Cines Barbanza de Ribeira, nunha estrea en que tamén estarán Alberte Mera e Daniel Celester. As entradas estarán dispoñíbeis en https://galicine.es/cines/cine-ribeira
Ese mesmo día, 25 de setembro, tamén se proxectará nos cinemas Bergantiños, en Carballo. As entradas estarán dispoñíbeis en https://galicine.es/cines/cine-carballo
As proxeccións do mes rematarán en Pontevedra, nos Cinexpo, con proxeccións o sábado 26 e o domingo 27. Este último día haberá presentación e coloquio co director. As entradas estarán dispoñíbeis en https://galicine.es/cines/cine-pontevedra
Xa en outubro o filme estará en Ponteareas, Vilalba, As Pontes, Allariz, A Fonsagrada e outros moitos concellos dos que se informará na web www.reboiras.gal
Foi na madrugada do 12 de agosto de 1975 cando a policía da ditadura franquista asasinou en Ferrol o dirixente da clandestina Unión do Povo Galego (UPG) Xosé Ramón Reboiras Noia. Nesa mesma data e cidade, pero en 2020, cando se fixeron os 45 anos dos tráxicos feitos, esteouse o filme ‘Reboiras. Acción e corazón’.
A Fundación Terra e Tempo publicou o segundo trailer do filme, que achega unha mostra das secuencias de ficción que Mera rodou para o documental, así como un avance das entrevistas que este director tamén filmou ao longo do país e que narran a vida de Moncho Reboiras.
Trailer: https://www.youtube.com/watch?v=OCOehBG7ZZU
Participan, en total, 29 testemuñas directas que partillaron ou coñeceron o histórico nacionalista, como o propio irmán de Moncho, Manuel Reboiras, a súa curmá Lita Martínez, o escritor e ex secretario xeral da Unión do Povo Galego, Francisco Rodríguez; os escritores Xosé Luís Méndez Ferrín e Darío Xohán Cabana, ou a cineasta Margarita Ledo, até as propias persoas que se atopaban con Reboiras o 12 de agosto en Ferrol, e que el axudou a fuxir e salvar: Elvira Souto e Lois Ríos.