Coa ollada na meta e preparando o que ven despois
Logo de rebasar o ecuador do tempo de campaña, aínda nos falta un chisco para chegar á metade de financiamento. Mais non dudedes que estamos a traballar para sacar o máximo proveito do tempo que nos queda!
Comezamos esta nova entrada compartindo un evento de promoción que nos fixo moita ilusión. Esta tarde gravamos unha nova entrega do podcast Terra Up Arte na galería Terra Branca de Ribadeo. Foi unha charla moi amena co presentador, José Ramón Leal, na que compartimos a nosa experiencia persoal facendo o proxecto e as nosas esperanzas para o futuro deste conto. Convidámosvos a suscribirvos á canle de Terra Up Arte para gozar das súas entrevistas e recibir notificación unha vez saia esta nova entrega.
Pensando no futuro da iniciativa, estivemos a contactar con colexios, asociacións de nais e pais e outros profesionais da educación para que poidan sacar o máximo partido desta ferramenta. Ofrecemos a opción de facer un conta contos nos centros, o que sería unha boa experiencia para os rapaces mais tamén unha maneira de compartir como utilizar a obra para abrir conversas e coñecer o punto de vista dos máis pequenos. Se traballades no ámbito da educación ou pertencedes a algunha asociación agradeceriamosvos que nolo comentedes para que poidamos chegar a colectivos que igual aínda non coñecemos e non oíron de nos.
Pensando tamén en noutras maneiras de utilizar este conto para algo máis que entreter, estamos traballando cunha profesional na creación dunha unidade didáctica. Esta estaría dispoñible de maneira gratuíta a quen quixera descargala e sería un xeito, cremos, moi bo de complementar o libro e que servise o propósito de identificar problemas de saúde mental e axudar a lidar con eles.
Moitas grazas de novo a todas e todos por participar do noso proxecto. Seguiremos a enviar novas do que estamos a facer, mais estamos abertas a suxerencias! Podedes comentar as vosas ideas nesta entrada ou enviárnolas de calquera outro xeito.
Ata pronto.
Comments
Inicia sesión para dejar un comentario








